O alcalde marca como obxectivos no debate do estado do municipio continuar traballando, a pesar da crise, pola igualdade, na diversificación do tecido económico e na aposta pola innovación e o emprendemento
O Pleno da Corporación celebrou este sábado 23 de abril o debate do estado do municipio, que volveu á presencialidade logo de que o ano pasado a pandemia obrigase a facelo de forma telemática. O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, fixo un repaso á xestión municipal ao longo de 2021 e reafirmouse nos retos marcados para o 2022, a pesar "desta crise, que nos está obrigando a reestruturar a nosa orde de prioridades", pero que "non altera os obxectivos fundamentais que tiñamos marcados". Entre eles, a posta en marcha dunha Oficina de atención ao usuario para facilitar a tramitación electrónica, a remodelación de espazos urbanos deteriorados como o eixo Porta do Camiño-praza de Galicia; ou continuar avanzando nos documentos que marcarán a folla de ruta a seguir pola cidade: a Axenda 2030 e o plan Compostela 2021-2032 nacido no seo do Real Padroado.
Sánchez Bugallo comezou a súa intervención trasladando o pésame e a solidariedade dos membros da Corporación coas familias, amigos e compañeiros dos composteláns e compostelás falecidos a consecuencia da COVID 19, pandemia que obrigou o Concello a "dar resposta ás necesidades máis perentorias da sociedade, e fíxoo actuando en tres eixos fundamentais: apoio ás persoas en situación máis vulnerable; apoio decidido aos sectores económicos máis gravemente afectados; e mantemento dos servizos públicos en circunstancias moi diferentes ás que viñan sendo habituais".
Salientou nestes campos o reforzo dos dispositivos de Servizos Sociais, que incorporaron dous profesionais máis para apoio nos trámites da Ordenanza de garantía básica cidadá e do Servizo de Axuda no Fogar que, sumados ás 9 incorporacións do ano 2020, permitiron incrementar o persoal deste servizo de 17 persoas en 2019 a 28 no ano 2021; a realización do novo contrato do SAF, cunha suba no seu orzamento de 1.979.666 euros/ano a 3.080.048; ou a posta en marcha do Servizo Municipal de Urxencias Sociais (SEMUS), en colaboración coa Cruz Vermella.
No ámbito socioeconómico, repasou as axudas artelladas para soster os sectores económicos máis directamente prexudicacos pola crise: comercio, turismo, hostalería e cultura; e lembrou os "esforzos realizados, co incremento de custos correspondentes, en materias como comedores escolares, limpeza de centros educativos ou servizo de transporte público urbano". Sánchez Bugallo avanzou a posibilidade de pór en marcha un terceiro plan de reactivación económica financiado con 3 millóns de euros con cargo ao remanente de tesourería.
Repaso aos obxectivos prioritarios do mandato
Tamén deu conta do estado dos obxectivos prioritarios marcados polos grupos politicos e o Foro Civíco, que tomaron forma de acordo plenario en xuño de 2019: a industrialización, a Estación Intermodal; as infraestruturas A54, Orbital e Orbitaliño; a EDAR e a reforma e modernización da Administración Local.
Sobre a primeira, Sánchez Bugallo salientou os pasos dados na posta en marcha do Biopolo: "a declaración como proxecto de interese xeral municipal; a elaboración e aprobación do estudo de detalle para o seu establecemento na parcela municipal da Sionlla; a cesión de 14.000 metros cadrados de parcela municipal a Sionlla-Biotech para a construción do centro; a concesión da licenza de obras e o inicio das mesmas por parte de Sionlla-Biotech", así como a "a adquisición da maioría das accións de UNINOVA e a conversión da mesma en medio propio do Concello de Santiago". Esto último posibilitaralle acometer "tres importantes encargos por parte do Concello, que lle permitirán afondar no seu papel de entidade promotora da innovación empresarial e do emprendemento": prestación de asesoramento a persoas, equipos ou empresas e posta en marcha dun servizo de apoio á creación de postos de traballo a través do emprendemento; acompañamento dos proxectos do living lab no marco do proxecto Smartiago para garantir a correcta xestión e transferencia do coñecemento; e asumir a responsabilidade da oficina técnica de xestión do proxecto da Plataforma Loxística de Última Milla".
Fixo repaso tamén da situación actual das infraestruturas e da EDAR e, no caso da reforma e modernización da Administración Local, anunciou que "crearemos un centro de operación de seguridade e ampliaremos o centro de proceso de datos", así como a posta en marcha dunha tarxeta cidadá e dunha APP do Concello que integre todo tipo de servizos municipais.
Previsións para 2022
Aínda que as consecuencias que se derivarán da guerra en Ucraína e as dunha pandemia que "non podemos dar por rematada" van afectar á xestión municipal, "de ningún xeito quere dicir que debamos renunciar aos obxectivos específicos e aos proxectos de cidade". Entre eles, Sánchez Bugallo sinalou como prioritarios para o futuro de Santiago "a Axenda 2030 e o Plan 2021-2032 subscrito polas tres administracións no seo do Real Padroado de Santiago; o proxecto Peleteiro; os grandes contratos pendentes ou a política de vivenda e rehabilitación".
Dentro destas previsions, Sánchez Bugallo resaltou a intención municipal de seguir transformando "espazos urbanos inicialmente configurados como estradas e reconvertidas en grandes avenidas urbanas" como San Lázaro, avenida de Lugo, Hórreo, Romero Donallo, Choupana, Santa Marta, Galeras, Mestre Mateo ou Vista Alegre. "Ao noso entender", tocaríalle agora "á entrada do Castiñeiriño, desde a rotonda ata a rúa Amor Ruibal, e, por suposto, ao eixo central da cidade desde a rúa Basquiños ata Rosalía de Castro, sendo especialmente prioritaria a transformación e adecuación do tramo comprendido entre Porta do Camiño e a Praza de Galicia".
No que se refire ao primeiro caso, "desde o goberno municipal están a encargarse os estudos técnicos necesarios para concorrer a unha próxima convocatoria de fondos Next Generation", indicou, e en canto ao segundo, "e con respecto ás rúas Virxe da Cerca e Fonte de San Antonio, a intención do goberno municipal é asinar un convenio coa fundación RIA, presidida polo arquitecto David Chipperfield, para a realización dun estudo previo que tamén debe incorporar a súa relación coa praza de Galicia.
Tamén salientou como obxectivo do Concello a superación da fenda dixital co fin de evitar que unha parte importante da poboación "coincidente coa de maior idade" se quede fóra do sistema. Para iso, "o goberno ten previsto licitar e adxudicar a posta en marcha dun centro de atención ao usuario, dotado con máis recursos, horario presencial de mañá e tarde e soporte a incidencias en modalidade 24x7".
Quendas de intervención
Antes do peche do pleno por parte do rexedor, a primeira intervención do alcalde someteuse a debate por parte dos grupos. Interviron, de menor a maior representación, os catro partidos presentes no Pleno. Falaron, respectivamente, Goretti Sanmartín, polo BNG; Marta Lois, por Compostela Aberta; Alejandro Sánchez-Brunete, polo PP; e Sindo Guinarte, polo PSOE. Estes mesmos voceiros municipais fixeron uso dunha segunda quenda, para finalmente pechar o alcalde o debate coa súa réplica.