Remata o obradoiro dual de emprego do Monte Pedroso deixando como legado un novo espazo de descanso e unha web sobre os sendeiros de Compostela
Despois de nove meses de traballo, hoxe chegou á súa fin o obradoiro dual de emprego “Parque forestal de autóctonas do Monte Pedroso” impulsado polo Concello para poñer en valor un dos espazos naturais máis emblemáticos de Compostela.
Froito do programa, Santiago gaña un novo espazo de descanso no Pedroso e unha páxina web con información detallada sobre a rede de sendeiros verdes da capital galega. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou hoxe o obradoiro nun acto no que tamén participou a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

No acto, María Rozas subliñou a importancia dos obradoiros de emprego ”como ferramentas fundamentais para mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas desempregadas”. Ademais, a tenenta de alcaldesa salientou que “estes programas permítennos desenvolver intervencións de gran valor social e ambienta, coas que estamos gañando espazos públicos de calidade e poñendo en valor zonas que fan parte do imaxinario da veciñanza de Santiago, como é o Pedroso”. Tamén puxo en valor o traballo da nova web “moi necesaria para dar a coñecer moitos dos itinerarios verdes que nos axudan a coñecer mellor o noso municipio”
Sesteadoiro do Pedroso
O obradoiro dual de emprego desenvolveuse en dúas especialidades: elaboración de páxinas web e repoboación forestal e tratamentos silvícolas. O alumnado desta segunda modalidade traballou na restauración da cuberta vexetal do Monte Pedroso, desde a Granxa do Xesto e a Selva Negra ata o cumio do monte. Para iso, substituiron especies exóticas por outras autóctonas como carballos, freixos, acivros ou castiñeiros.
As acacias retiradas do monte utilizáronse para construir o denominado “Sesteadoiro do Pedroso”, unhas estruturas que serven de miradoiro, espazo de descanso, e auditorio ao aire libre, e que poderán ser utilizadas como espazo de descanso ou aula de natureza. O nome do conxunto fai referencia á súa localización no remate da antiga costa do Milladoiro, nun punto da histórica estrada Santiago–Malpica onde os carros facían unha pausa tras superar unha pendente esixente de saída da cidade. O “Sesteadoiro” súmae aos recursos cos que xa conta o parque forestal do Monte Pedroso, como un novo
O “Sesteadoiro” súmase aos recursos do Parque Forestal como un novo atractivo cultural, social e turístico. Un espazo que mantén viva a tradición de parar, mirar e compartir, reforzando a identidade cultural do Monte Pedroso e ofrecendo novas oportunidades de uso comunitario e sostible.
Nova web para descubrir Santiago a pé
Na segunda das especialidades do obradoiro de emprego, a de elaboración de páxinas web, o alumnado puxo en marcha o portal www.sendeirosdecompostela.gal que reúne información de 20 rutas diferentes polo termo municipal de Santiago.
A web permite coñecer de maneira doada 13 rutas circulares e 7 lineais, coa posibilidade de habilitar filtros por nivel de dificultade ou distancia. Nas fichas de cada unha delas hai información detallada sobre o tempo estimado de duración do percorrido, mapa ou descarga do track en formato GPX, así como elementos históricos e naturais de interese, lendas relacionadas con cada zona, ou mesmo equipación precisa para percorrer cada tramo. O obxectivo da web é facilitar a práctica do sendeirismo, animando aos veciños e veciñas a coñecer mellor Santiago, a súa natureza e o seu patrimonio.
Aposta pola natureza e o emprego verde
No obradoiro dual de emprego participaron 20 alumnos/as-traballadores/as, dez en cada unha das especialidades. O programa contou cun orzamento total de 544.744,96 euros, dos que 441.928 euros foron achegados pola Consellería de Emprego e os 102.816,96 euros restantes polo propio Concello.