A Maker Faire Galicia impulsa o debate sobre o futuro industrial sostible na súa cita do 31 de outubro en Santiago
A Maker Faire Galicia celebrará o vindeiro 31 de outubro unha nova edición da súa Xornada de Industria na Casa das Máquinas de Galeras (Santiago de Compostela).
A cita está organizada en colaboración co Concello de Santiago e a Xunta de Galicia, a través do IGAPE, conta co apoio de Servicio Móvil e do Clúster TIC Galicia, e reunirá empresas, startups, investigadores e profesionais que están a transformar o tecido produtivo galego a través da innovación, a ciencia e a sustentabilidade.
O encontro, que se desenvolverá entre as 10:0 e as 16:00 horas, busca consolidarse como un espazo de referencia para compartir experiencias e conectar sectores que, desde Galicia, están a definir o futuro da industria. Ao longo da xornada sucederanse relatorios, presentacións de proxectos, espazos de networking e unha sesión dedicada ao talento galego, que poñerá en valor a capacidade innovadora do ecosistema local.
A sesión inaugural contará coa participación de María Rozas, do Concello de Santiago, e Covadonga Toca, en representación do IGAPE, xunto co equipo da Maker Faire Galicia.
A mañá estará protagonizada por relatorios centrados na sustentabilidade, a innovación enerxética e os avances científicos.
Cristina Vázquez, CEO de Teimas, abrirá o bloque de intervencións compartindo a súa experiencia como muller no ámbito tecnolóxico, para despois afondar na historia de Teimas: desde a detección dunha necesidade na xestión dixital dos residuos ata converterse nunha empresa referente no sector. A súa charla amosará como a innovación e o emprendemento con propósito poden xerar un impacto real na transición cara a unha economía máis sostible. Mario Iglesias Casal, COO de Magallanes Renovables, presentará o ATIR 2.0, un innovador muíño de correntes de mareas que converte o movemento do océano en enerxía limpa e eficiente, posicionando a Galicia como referente no desenvolvemento de tecnoloxías mareomotrices.
Tamén intervirá Carmen García Mateo, catedrática de Teoría da Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e directora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) no centro de investigación AtlantTIC. Pioneira no ámbito da enxeñaría de telecomunicación en España e recoñecida coa Medalla María Wonenburger pola súa traxectoria científica, é unha das voces máis destacadas na investigación sobre intelixencia artificial aplicada á detección por voz de enfermidades neurodexenerativas. Na súa intervención, presentará os avances máis recentes neste campo, que combinan tecnoloxías da fala, procesado de sinal e IA para mellorar o diagnóstico temperán e o tratamento destas doenzas.
Seguidamente, Julio Ruiz Cagigal, técnico de proxectos da Asociación Forestal de Galicia, presentará ForestED, unha iniciativa de innovación forestal, desenvolvida por catro socios: o Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña (IAAC), o Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña (CTFC), a Asociación Forestal de Galicia (AFG) e o Consorci Forestal de Catalunya (CFC), centrada na transformación de madeiras autóctonas de Galicia e Cataluña en compoñentes estruturais para a construción. A súa intervención amosará como a xestión forestal responsable e a innovación tecnolóxica poden converxer para revalorizar os montes galegos, reducir a pegada de carbono e fortalecer a economía rural.
Tamén participará o mozo investigador Manuel Rico Fernández, estudante de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, bolseiro en Luisiana e Harvard nos últimos anos e futuro investigador na Universidade de Oxford, que abordará os últimos avances en estimulación cerebral profunda e neuromodulación, explicando como a tecnoloxía está a transformar a maneira en que comprendemos e tratamos as enfermidades neurolóxicas.
A xornada incluirá ademais un pitch de proxectos industriais e tecnolóxicos que permitirá coñecer iniciativas emerxentes impulsadas desde Galicia, e completarase cun xantar de networking que servirá como punto de encontro entre os distintos axentes do ecosistema innovador.
Pola tarde, o bloque Talento Galego Biotech reunirá cinco perfís galegos que están a marcar tendencia desde a biotecnoloxía, a intelixencia artificial, a enxeñaría e a sustentabilidade. Lucía Gómez Teijeiro, investigadora nas universidades de Berna e Xenebra, amosará como a intelixencia artificial pode actuar como unha linguaxe común entre disciplinas científicas. David Blanco Fraga, fundador de BENIU Solucións, explicará o papel dos drons na xestión agrícola e forestal. David Camba García, creador de BIRDMIND, presentará o seu material ecolóxico RiceTab, elaborado con cascarilla de arroz e pensado para impulsar a economía circular na arquitectura e o deseño. Antón Román Portabales, Chief Architect en Nokia e investigador en AtlantTIC (Universidade de Vigo), compartirá a súa visión sobre o futuro das redes intelixentes e distribuídas. Finalmente, Laura Rodríguez Álvarez, cofundadora e CEO de Humara, mostrará como a dixitalización e o software avanzado permiten optimizar plantas de tratamento industrial, aforrar recursos e reducir emisións.
A Xornada de Innovación na Industria da Maker Faire Galicia consolídase así como un punto de encontro para empresas, centros de investigación e emprendedores que apostan por un modelo industrial máis innovador, sostible e conectado cos grandes retos do presente. A través da tecnoloxía, a ciencia e a creatividade, Galicia reafirma a súa posición como un territorio capaz de xerar coñecemento e solucións con impacto global.
A asistencia ao evento é aberta e de balde, mais require inscrición previa







