• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

“Horizonte Compostela” inicia o proceso para acadar a transformación do noroeste da cidade

Data de escritura

A portavoz do Goberno, Míriam Louzao, participou esta mañá nunha reunión de traballo para programar a materialización das actuacións incluídas no Plan de acción integral (PAI) Horizonte Compostela, que suporá un investimento de 14,5 millóns de euros, dos cales o 60 por cento procede de fondos europeos Feder da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL).

“Horizonte Compostela” inicia o proceso para acadar a transformación do noroeste da cidade

Un semana despois de coñecerse a resolución provisional dos proxectos incluídos no Plan EDIL, representantes dos 10 concellos da provincia da Coruña que obtiveron financiamento, veñen de manter unha xuntanza na Delegación do Goberno sobre a materialización das accións incluídas nos seus respectivos proxectos.

A portavoz do goberno municipal compostelán, Míriam Louzao, foi a encargada de levar a esta reunión o contido das actuacións previstas no PAI Horizonte Compostela que, en esencia, suporá a transformación da zona noroeste da cidade centrándose en aspectos como a sustentabilidade, a accesibilidade e a inclusión.

Na xuntanza desta mañá, os concellos inquiriron a Administración estatal sobre cuestións como a coordinación dos procedementos, a interlocución interadiministrativa ou os prazos para a resolución definitiva.

Cabe lembrar que o PAI Horizonte Compostela inclúe tres grandes proxectos que buscan impulsar unha das zonas menos favorecidas da cidade. Trátase de Santiago Transforma (enfocado á creación de novos equipamentos sociais, culturais e deportivos e vivenda dotacional), Santiago Accesible  (orientado á accesibilidade urbana, desde un punto de vista integral) e  Santiago Resiliente. (centrado na adaptación ao cambio climático).

As actuacións previstas responden a necesidades funcionais e xerarán contornas máis habitables, resilientes e socialmente equitativas, contribuíndo de maneira significativa aos desafíos que propón a Axenda Urbana Santiago de Compostela (EDIL-AUS) aprobada polo pleno municipal en setembro de 2022, referidos a aspectos como o acceso á vivenda, conservación do patrimonio natural, fortalecemento dos ecosistemas sociais e culturais ou saneamento e abastecemento, entre outros.