O Foro Talentia reivindica a innovación como ferramenta para construír un futuro máis sostible
O Foro Talentia encheu esta tarde o auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, nun evento que analizou como a innovación, a tecnoloxía e o talento están a transformar o mundo laboral. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a tenenta de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, foron as encargadas de abrir o acto, que levou por lema “Persoas con propósito impulsando a innovación”.
O Foro reuniu esta tarde a ducias de persoas, nun evento que é unha das patas do Talentia Summit, xunto coa Feira virtual de emprego que se prologará ata o próximo día 15. No seu discurso de apertura, a alcaldesa de Santiago salientou a importancia de Talentia como “un espazo para preguntarse como logramos que os avances tecnolóxicos sexan inclusivos e como crear políticas que promovan unha traisición xusta para todas as persoas cara o futuro dixital”. Goretti Sanmartín invitou a “reflexionar, construír alianzas e xerar ideas que poden transformar espazos laborais, tendo en conta que o traballo non é só un medio de subsistencia senón tamén unha fonte de realización e un piar da nosa identidade como país”.
Pola súa banda, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude explicou que “o Talentia pón este ano o foco máis que nunca na mocidade, cunha oferta formativa en sectores que son do seu interese e co obxectivo de servir de ferramenta para que os mozos e mozas desenvolvan o seu talento”. María Rozas apuntou tamén que o Foro “reflexiona sobre o fin último que debe ter a innovación, que non é outro que procurar un impacto positivo na sociedade, apostar polo ben colectivo e axudar a construir un futuro máis sostible”. Para a tenenta de alcaldesa, “a innovación é unha ferramenta poderosa, non só para que as empresas incrementen os seus beneficios económicos, senón sobre todo para avanzar nun mundo mellor para todos e todas”. A concelleira invitou tamén aos mozos e mozas a “deixarse inspirar polas ponencias do foro, para seren de verdade motor do cambio social cara un mundo máis sostible e máis xusto, tamén no eido laboral”.
Escaparate do talento
No Foro Talentia participaron Javier Vidaurreta, socio responsable de People KPMG en España, que reflexionou sobre cales son as capacidades máis demandadas no mercado laboral; Cristina F. Armesto, socia e fundadora da Casa Grande de Xanceda, cunha ponencia sobre as oportunidades para o desenvolvemento do talento no mundo rural; Pablo Rodríguez González, fundador e responsable de negocio e produto de Hack a Boss, que falou sobre a formación tecnolóxica e deu conta da experiencia da súa empresa na que se tén implementado a xornada laboral de catro días. Águeda Ubeira, CEO e fundadora de Vanetta Food falou no Foro Talentia de innovación, tradición e talento desde a experiencia da súa empresa que aposta por transformar a gastronomía galega en clave vegana; David Ryan Glowacki, investigador oportunius do CiTIUS, ofreceu unha ponencia sobre ciencia, tecnoloxía, estética e realidade virtual; Ángeles González Macías, directora Executiva de Emprego e Proximidade de Barcelona Activa; e Luz Castro Pena, enxeñeira informática, socia fundadora da empresa galega Imaxin Software e profesora na Universidade da Coruña.
Feira Talentia
A Feira Talentia Summit desenvolverase ata o día 15, e está acadando cifras moi importantes de participación. A plataforma online rexistrara ata onte 46.000 sesións de 37.000 usuarios, e a través dela fixéronse xa reservas para 2.868 prazas nas diferentes actividades formativas. Tamén se recolleron 2.500 currículums e xestionáronse máis de 600 entrevistas coas empresas participantes.
A oferta formativa gratuíta de Talentia abrangue cursos de formación online, cursos en aula virtual, acceso ás plataformas LinkedIn Learning e Talentia IT Skills, certificacións oficiais de Oxford e o programa Minerva. En total, ofértanse máis de 3.000 prazas nos diferentes programas.
A día de hoxe quedan dispoñibles prazas tanto na plataforma LinkedIn Learnig como no “Talentia IT Skills”, unha das grandes novidades deste ano que inclúe formación e certificacións en tecnoloxía que se desenvolverán ao longo dun ano, en áreas clave como Cloud Computing, Big Data, Intelixencia Artificial, Ciberseguridade, Redes e Programación; con cursos de fabricantes e institucións de referencia como Microsoft, Meta, Cisco Networking Academy e Python Institute.
En canto á feira de emprego, que se desenvolve en formato totalmente virtual, en Talentia participan 82 empresas e preséntanse 270 ofertas laborais con 452 vacantes, incluíndo ADIF como emprego público. Ademais, na Feira Talentia están dispoñibles 24 mentores e orientadoras laborais. Nos stands virtuais, as personas participantes poderán obter información detallada sobre as empresas, contactar directamente e interactuar cos seus responsables de selección, ou participar en entrevistas online.