• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

SUBVENCIONS DO PROGRAMA DE COMERCIO CIRCULAR

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 30 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do Programa de comercio circular e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CO300D).

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a transformación sostible do sector comercial galego a través do pulo de actuacións de comercio sostible e circular.

Programa Eco-pack. Este programa está orientado á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño e forma ás dimensións e formato dos produtos, priorizando o uso de materiais reciclados e reutilizables.

Programa Avanza téxtil. Este programa está orientado ao impulso dos pequenos produtores do sector téxtil con marca comercial propia.

Programa Re-circular. Este programa está orientado a promover o uso de materias primas e tecidos sostibles na producción téxtil co fin de reducir os residuos xerados polo sector téxtil e favorecer a súa reutilización e a reciclaxe.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo IV, a  documentación que corresponda en función da súa natureza e forma xurídica (comerciantes retallistas, asociacións de comerciantes, pemes e persoas autónomas do sector téxtil) e, tamén, a seguinte documentación, común para todas as persoas solicitantes:

a) Memoria, que deberá incluír unha descrición detallada de cada unha das actuacións concretas para as cales se solicita a subvención (anexo VI). No caso do programa Avanza téxtil e do programa Re-circular, a memoria deberá incluír a descrición da actividade da empresa, a denominación da marca comercial propia e dos parámetros de sostibilidade aplicados nos seus procesos de produción e produtos.

b) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para realizar cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. No caso do programa Eco-pack e do programa Re-circular, as facturas, facturas pro forma ou orzamentos deberán indicar expresamente a composición e as características do material empregado de cada un dos investimentos solicitados, coa descrición técnica en que se recollan as características do material (porcentaxe de reciclado, condicións de sustentabilidade, orixe orgánico, etc.), que deberá estar garantido por unha certificación ou etiqueta verificable. No caso dos cursos de formación ou obradoiros do programa Avanza téxtil, a matrícula, inscrición ou preinscrición ou, de ser o caso, unha descrición detallada do curso ou obradoiro para o cal se solicita a subvención. As facturas, facturas pro forma ou orzamentos deberán estar emitidas por provedores que presten os referidos servizos como actividade principal. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas ou entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección dos provedores cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores cuxo obxecto social non se corresponda coa actividade subvencionable ou que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

c) No caso das agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe da subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, iniciarase o expediente de reintegro da subvención concedida, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Programa Eco-pack. Comerciantes retallistas con tenda física: As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.

Obradoiros artesáns.

Asociacións de comerciantes.

Programa Avanza téxtil. Pemes e persoas autónomas do sector téxtil (deseño, produción e venda de pezas de vestir, calzado e complementos). As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.

Programa Re-circular. Pemes e persoas autónomas do sector téxtil (deseño, produción e venda de pezas de vestir, calzado e complementos). As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas,

Requisitos

Programa Eco-pack.

-Comerciantes retallistas con tenda física:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na comunidade autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que teñan a condición de peme de ata 50 persoas traballadoras conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. 187, do 26 de xuño), incluídas as persoas en situación de autoemprego.

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.

-Obradoiros artesáns: Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

-Asociacións de comerciantes: Que reúnan os requisitos para ter a condición de centro comercial aberto, de acordo co previsto na Orde do 8 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CO300A) (DOG núm. 100, do 24 de maio). En todo caso, as asociacións de comerciantes deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e estar ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

Programa Avanza téxtil.

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na comunidade autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que teñan a condición de peme de ata 10 persoas traballadoras, nos termos previstos no número 1.1.1.b) deste artigo, incluídas as persoas en situación de autoemprego.

c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo III e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.

Programa Re-circular

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na comunidade autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que teñan a condición de peme de ata 20 persoas traballadoras, nos termos previstos no número 1.1.1.b) deste artigo, incluídas as persoas en situación de autoemprego.

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo III e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.