• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Xunta de Goberno aproba o expediente de contratación das obras para a construción da senda peonil da rúa das Estrelas

Data de escritura

O executivo municipal deu luz verde esta mañá á aprobación do expediente de contratación das "Obras de execución do proxecto de Senda peonil da rúa das Estrelas", cun orzamento base de licitación de 126.172,99 euros, ao abeiro do Programa POS+ 2022 da Deputación Provincial da Coruña. Tamén se aprobou a adxudicación do contrato das obras para a "Rehabilitación de firme, mellora da accesibilidade e seguridade peonil na rúa Camiño dos Vilares. Tramo rúa Camiños da Vida- rúa Follas Novas" á empresa FRANCISCO GÓMEZ Y CÍA, S.L. por un importe de 86.321,00 euros. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu conta destes e outros asuntos nunha rolda de prensa.

A alcaldesa Goretti Sanmartín na rolda de prensa de onte

A alcaldesa anunciou esta mañá que a aprobación do expediente de contratación das "Obras de execución do proxecto de Senda peonil da Rúa das Estrelas" para o que se abrirá un procedemento aberto de adxudicación e tramitación ordinaria, cun orzamento base de licitación de 126.172,99 € (base impoñible de 104.275,20 euros, máis IVE do 21% polo importe de 21.897,79 euros).

Esta intervención, desenvolvida ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ 2022 da Deputación da Coruña, ten como obxectivo a mellora da mobilidade peonil na rúa das Estrelas, sita na parroquia de Aríns e contará cun prazo de execución de seis meses.

A rúa das Estrelas localízase na extremo oriental do núcleo de Santiago de Compostela e configúrase como un dos principais accesos ó Monte do Gozo, importante punto de atracción para os veciños, turistas e peregrinos. Na actualidade só o treito norte conta con beirarrúas, mentres que no ámbito de actuación os peóns empregan unha zona explanada contigua á estrada que non se atopa pavimentada.

Con esta actuación executarase unha senda peonil mediante 15 centímetros de zahorra estabilizada no ancho da explanación existente, cun bordo de formigón no exterior da senda, previa escavación en caixa. No treito comprendido entre o paso superior e a glorieta a senda terá un ancho de 2 metros e tamén se contempla a limpeza da cuneta revestida existente.
A partir da rotonda e pola marxe esquerda ata enlazar coa beirarrúa existente executarase unha senda peonil de 2,80 metros de ancho. Este treito non conta con cuneta revestida, polo que, se disporá un novo bordo de formigón prefabricado no contacto coa calzada.

Adxudicacións

O executivo municipal tamén acordou esta mañá a adxudicación do contrato da "Obras definidas no proxecto de construción: ‘Rehabilitación de firme, mellora da accesibilidade e seguridade peonil na rúa Camiño dos Vilares. Tramo rúa Camiños da Vida- rúa Follas Novas’" á empresa FRANCISCO GÓMEZ Y CÍA, S.L, cun orzamento de 86.321,00 € (base impoñible de 71.339,67 € máis IVE do 21% de 14.981,33€) e un prazo de execución previsto de dous meses.
A rexedora tamén informou da adxudicación do contrato para a operación e xestión do centro de operacións de seguridade do Concello de Santiago á empresa TELEFÓNICA SOLUCIONES DE INFORMÁTICA Y COMUNICACIONES DE ESPAÑA por un importe de 263.835,66 € (Base impoñible de 218.046,00 euros máis IVE do 21%: 45.789,66 euros), no Acordo Marco da AMTEGA dos servizos de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos (expediente amt-2021-0044). A empresa adxudicataia prestará este servizo ata o ano 2026.

Nomeamentos

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao nomeamento de Xosé Antón Freire Ramos como coordinador xeral do Concello de Santiago, que a rexedora cualificou como un perfil profesional "con moitos anos de traballo e coñecemento da admistración pública a nivel interno", que se encargará de mellorar a "coordinación e transversalidade entre as distatinas áreas que conforman a estructura do Concello" para lograr "unha axilización da administración municipal". Tamén se aprobou o nomeamento da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, como representante municipal no Padroado da Fundación Down Compostela.

Outros asuntos

Durante a rolda de prensa, Goretti Sanmartín, confirmou que "o Concello non interporá recurso de casación contra a sentenza que anulaba a licenza da gasolineira de Brandia", polo que "se non houbese ningún outro recurso de casación por parte dos sectores afectados, a sentenza acabaría sendo firme".

Ademais o executivo municipal deu luz verde á concesión de axudas do ano 2022 destinadas a un total de 18 empresas de Economía Social de Compostela así como a actualización das tarifas de dous aparcadoiros públicos: o da praza de Galicia, cunha suba do IPC do 14,35% con respecto á última revisión de tarifas aprobada o 11 de abril de 2013 e, o de Romero Donallo, que supón un incremente do 5,7% e con respecto ás ultimas revisión de tarifas aprobada o 14 de novembro de 2022. En ambos casos, as tarifas actualizadas véñense aplicando desde principios do 2023.

Documentos relacionados