• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Inaugúrase o terceiro piloto CromaLux, un proxecto innovador enmarcado en Smartiago que permite reducir nun terzo a colonización biolóxica nas áreas iluminadas

Data de escritura

Onte pola noite inaugurouse o terceiro piloto CromaLux, no edificio que albergaba o antigo Concello de Santiago, na Praza de Cervantes. Antes, presentáronse os resultados acadados por este proxecto de iluminación intelixente, que ten como obxectivo diminuir a contaminación lumínica e reducir os gastos de conservación do patrimonio aplicando unha técnica que permite retardar a proliferación de microorganismos sobre as fachadas, o que evita o seu deterioro.

Edificio da Zona C na praza de Cervantes
Alumeado especial empregado no proxecto Cromalux
O Alcalde presentando os resultados do proxecto
O Concelleiro Sindo Guinarte intervindo no acto de presentación

Na presentación participaron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro Sindo Guinarte, responsable do proxecto Smartiago; Sebastián Pantoja, director de Programas Estratéxicos de Televés; e Patricia Sanmartín, directora de investigación da USC; quen explicou que a colonización biolóxica nas áreas iluminadas con CromaLux foi inhibida de forma significativa, reducíndoa até un terzo ou menos do que viña sendo habital.

Tamén subliñou que CromaLux provoca un impacto significativamente nulo sobre a biodiversidade nocturna (tomando como grupo de estudo as comunidades de insectos) resultando o seu efecto, tanto na cantidade como na diversidade de insectos, significativamente igual ao atopado nunha área sen iluminar. Polo tanto, engadiu Patricia Sanmartín, o proxecto está acadando "uns resultados moi positivos sobre a inhibición da colonización biolóxica".

O primeiro ensaio realizouse no patio do antigo cárcere do Pazo de Raxoi. E a continuación instalouse un segundo piloto CromaLux na fachada da Casa do Cabido. O terceiro é o inaugurado onte na Praza de Cervantes, no edificio onde actualmente se atopa a Zona C, nun acto no que, ademais do alcalde e Sindo Guinarte, estiveron presentes distintos membros da Corporación Municipal.

O proxecto CromaLux márcase como obxectivo principal preservar a condición de Santiago de Compostela como modelo de conservación do patrimonio a través da iluminación ornamental intelixente. Para iso desenvolveuse este sistema de iluminación eficiente e medioambientalmente responsable para o control da colonización biolóxica en elementos de alto valor patrimonial, aproveitando a tecnoloxía LED e o telecontrol da iluminación con capacidade biostática, que é facilmente integrable en edificios con alto valor patrimonial, cun mínimo ou nulo impacto arquitectónico. No desenvolvemento do proxecto traballaron a USC, e as empresas Televés e Ferrovial.

Outros obxectivos acadados con este proxecto son a preservación das condicións naturais das horas nocturnas en beneficio da fauna, a flora e os ecosistemas en xeral; promover a sostibilidade ambiental ligada á iluminación; ou establecer as bases de coñecemento e desenvolvemento dun marco normativo en materia de iluminación ornamental para elementos de alto valor patrimonial, inexistente na actualidade.

Cofinanciación FEDER

O proxecto Smartiago desenvólvese grazas a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.