O goberno de Santiago pecha un acordo de orzamentos para 2025
Os grupos que conforman o goberno de Santiago de Compostela, Bloque Nacionalista Galego e Compostela Aberta, e o Grupo Municipal Socialista asinaron este martes un acordo para a aprobación dos orzamentos de 2025, unhas contas que, logo da correspondente tramitación terán que ser sometidas ao Pleno para a súa aprobación inicial. A sinatura estivo encabezada pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, xunto coa primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, e o portavoz do Grupo Municipal Socialista, Gonzalo Muíños, e tivo lugar no salón verde do Pazo de Raxoi.
O goberno de Santiago destaca a importancia de chegar a un acordo polo interese xeral da veciñanza. Un orzamento “enfocado ás necesidades reais de Compostela, ambiocioso mais equilibrado e na liña de modernizar a administración, de facela máis eficaz e de prestar servizos de calidade”.
Así, o executivo local explica que se trata dun orzamento que se achega aos 146 millóns de euros. Os gastos correntes ascenden a uns 133 millóns e os investimentos reais sitúanse nos 13 millóns. Complementariamente ao orzamento, preparouse un expediente modificativo para achegar algo máis doutro millón de euros.
Non se formula ningunha suba dos impostos actuais pero prevese unha maior recadación, debida fundamentalmente á eficiencia na xestión de diferentes áreas municipais, e, singularmente, ao imposto por estadías. O Concello tamén prevé solicitar un crédito bancario de 2,5 millóns de euros, que equivale ao amortizado no exercicio anterior, polo que non se aumentará a débeda.
No estado de gastos, o capítulo I, de gastos de persoal, supera os 42 millóns de euros, é dicir, en torno ao 29% do gasto, e complétase cos importes do capítulo II dedicados ao soporte e funcionamento da Administración e de servizos de prestación directa, como a policía ou bombeiros. O segundo monto de maior peso no gasto refírese aos contratos para a prestación de servizos externalizados (recollida de lixo, comedores, limpeza, axuda no fogar ou mantemento de parques e instalacións, firmes ou rozas, entre outras). Conxuntamente, o capítulo II rolda os 66,6 millóns de euros, cun aumento do 15% motivado nos grandes contratos.
Neste sentido, o goberno que preside Goretti Sanmartín sinala que os gastos de funcionamento experimentaron a inflación dos últimos anos e absorben boa parte dos recursos dispoñibles. De feito, cómpre dicir que hai que valorar na xusta medida que supoñen o cerne principal das competencias municipais, é dicir, a prestación dos servizos.
Cinco eixes
O goberno presentou uns orzamentos que se estruturan en cinco eixes: o social, as políticas de vivenda, a mellora do espazo público e das infraestruturas; un cuarto eixe de equipamentos e o quinto de sustentabilidade ambiental.
No primeiro eixe, mantéñense os recursos para atención aos colectivos máis vulnerables, apostando por servizo de axuda no fogar, bolsas de comedores, axudas para libros e actividades extraescolares, conciliación ou axudas a entidades sociais, entre outras.
No segundo, destacan as políticas de vivenda. Así, a proposta de orzamentos recolle para este obxectivo máis de 4 millóns de euros, o máis importante dos investimentos.
En canto ao coidado do espazo público, destaca o compromiso co rural (con novas cantidades para o mantemento de vías e a dotación de saneamento e abastecemento). Ao tempo, materializaranse obras importantes avanzarase nos proxectos de acondicionar integralmente dúas áreas da cidade: a zona ao norte da Cidade Histórica, partindo da Almáciga cara a Salgueiriños (para a que se solicitarán fondos EDIL) e a zona sur do Ensanche, comezando cun proxecto para a rúa de Santiago de Chile.
No cuarto dos ámbitos sobre o que pivotan os orzamentos, atópanse as instalacións deportivas como o Vero Boquere e o Pavillón de Lamas Abade ou Santa Marta (1,6 millóns), a cociña central para o novo modelo de comedores escolares (1 millón) ou a rehabilitación da Casa das Persoas Maiores (432.000 para a primeira anualidade dunha obra que alcanzará o millón e medio de euros). Tamén se prevé en torno a medio millón de euros para arranxos en centros escolares, outro tanto para o parque de bombeiros e 75.000 euros para a redacción do proxecto dunha nova instalación para a mocidade, recuperando o esquelete do Parque de Bombeiros en Salgueiriños.
En quinto lugar, no que ten que ver coa sustentabilidade ambiental, os orzamentos recollen 100.000 para acondicionar o antigo vertedoiro de Piñor, máis de 500.000 euros para o proxecto de renaturalización Entre o Sar e Sarela e 60.000 para o Ecobosque de Conxo (nestes dous casos como achega municipal aos fondos europeos con que contan). Para resolver fugas nas redes de auga hai reservada unha partida de 200.000 euros e tamén se prevén outros 200.000 euros para o arranxo das tubaxes da captación. As contas recollen tamén o incremento de custos de explotación da nova depuradora da Silvouta, que pasan de 800.000 euros en 2024 a superar os 1,2 millóns en 2025.
O goberno agradece a responsabilidade e a altura de miras do Grupo Municipal Socialista polo ben de Santiago e informou de que agora se tramitará o expediente completo de cara á súa aprobación no Pleno.