Talentia Summit volve apostando pola formación: máis de 3.000 prazas gratuítas en cursos e certificacións oficiais
O maior evento de emprego de Galicia, Talentia Summit, celebrará a súa edición de 2024 do 12 ao 15 de novembro, cun programa cheo de novidades e facendo unha clara aposta pola formación. A feira, organizada pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, ten como obxectivo proporcionar ferramentas, contactos e formación para que as persoas participantes poidan desenvolver todo o seu potencial profesional.
Mellorar as competencias das persoas inscritas e, polo tanto, aumentar as súas oportunidades de emprego é un dos obxectivos principais do Talentia Summit 2024. Por iso, faise unha aposta decidida pola formación, cunha oferta de máis de 3.000 prazas en cursos online e certificacións oficiais en competencias dixitais e idiomas.
Talentia IT Skills
Unha das principais novidades desta edición será o "Talentia IT Skills", un programa de formación e certificacións en tecnoloxía que busca cubrir a crecente demanda de perfís tecnolóxicos. Este programa ofrece formación oficial en áreas clave como Cloud Computing, Big Data, Intelixencia Artificial, Ciberseguridade, Redes e Programación, con cursos de fabricantes e institucións de referencia como Microsoft, Meta, Cisco Networking Academy e Python Institute. A oferta está pensada tanto para as persoas en fase de reciclaxe profesional como para aquelas que desexen dar os seus primeiros pasos no ámbito tecnolóxico. A través do Talentia Summit ofertaránse mil prazas neste programa, para actividades formativas que se desenvolverán ao longo dun ano.
Ademais, este ano refórzase a oferta relacionada cos idiomas, de maneira que a través de Talentia Summit 2024 podernase obter certificacións oficiais como o Oxford Test of English, recoñecida polo MCERL para os niveis A2, B1, B2 e C1. Desta maneira, as persoas inscritas poderán validar o seu nivel de inglés e mellorar o seu perfil.
Entre os recursos formativos dispoñibles destacan tamén os cursos de Linkedin Learning, cunha licenza temporal que permitirá acceder a máis de 15.000 cursos da plataforma en temas tan diversos como desenvolvemento persoal, xestión de proxectos, programación ou deseño gráfico.
Interacción directa coas empresas e mentorías
En canto á feira de emprego de Talentia Summit 2024, desenvolverase nun formato totalmente virtual. Así, as persoas participantes poderán explorar as oportunidades laborais que ofrecen empresas de referencia en múltiples sectores, contactar directamente cos seus responsables de selección, e participar en entrevistas online, webinars e actividades de networking sen necesidade de desprazarse. Nos stands virtuais haberá información detallada sobre as empresas participantes, e ofreceráse a posibilidade de interactuar cos seus responsables de selección, en encontros en liña nos que se poderán coñecer de primeira man as ofertas de emprego dispoñibles, os perfís máis demandados e as expectativas de cada organización. A feira contará tamén con dinámicas de grupo e talleres prácticos, así como con sesións de mentoría nas que expertos en desenvolvemento profesional orientarán persoalmente aos asistentes para resolver dúbidas sobre a súa carreira, identificar as súas fortalezas e mellorar a súa empregabilidade.
Foro Talentia
O Talentia Summit 2024 comezará o martes 12 de novembro co foro de conferencias estratéxicas "Persoas con propósito impulsando a innovación". O evento reunirá a expertos e expertas de recoñecido prestixio, que compartirán a súa visión sobre os retos e oportunidades no mercado laboral actual, e abordarán temas como a dixitalización, as claves para o éxito organizacional, a conciliación laboral e as novas tendencias en captación de talento. O foro celebrarase na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.
Uns días antes do comezo da feira virtual publicarase todo o catálogo de actividades dispoñibles e abriránse as inscricións para reservar prazas de forma gratuíta en talentiasummit.com.